Gonza M. Fontán (ella)
Vou de camiño a Valencia para abandonala. Retorno ó lugar que me veu crecer, por razóns de saúde pero tamén por razóns do corazón. Din que a cabra tira ó monte. Eu quedei tola coma unha cabra e volvo á miña casa ó lado do monte. Na outra punta da península.
Este proxecto non marcha a ningunha parte, convértese en algo que será aínda máis plural agora que hai novas influencias culturais e xeográficas próximas. Esta carta non é pra despedirme de vós, é pra dar as grazas. As grazas a Maria, de quen me despedirei inevitablemente, pero pola que sinto un amor que non vai romper o tempo ou a distancia. Este proxecto é tamén a seguridade de manter o contacto, por iso este texto é tan personal. Creo realmente no que facemos, a pesar de que ás veces custe chamar a atención en diferentes idiomas, falando de determinados temas e cunha actividade que se ben é abundante pode non seguir as lóxicas do algoritmo de insta. València en falles e Vigo festexando a reconquista (festa local, reconquistouse a cidade e arredores de gabachos que quixeron conquistala, que sei que isto polo sur pode non entenderse). Creo no que facemos e entendo o difícil que é levar un proxecto ambicioso cando as vidas, completamente dominadas polo capitalismo e as súas trampas dispoñen de poucas enerxías. Pero nós collemos as que temos e tiramos para adiante.
Eu namorei de Valencia dende o meu primeiro piso en Benimaclet e o amor se me rompió de tanto usarlo. Eu namorei de Valencia dende ese piso onde vivía cando este proxecto comezou e Maria e mais eu eramos veciñas. Continuamos despois e aprendín de Maria, que me coñece e me entende, unha morea de cousas. As conversas eternas sobre xénero axudáronme con preguntas sobre o meu propio, as conversas e eventos culturais a analizar mellor o meu propio traballo e a súa vida, ademais das nosas conversas, a expandir o valor que eu lle outorgaba ó meu idioma e á miña cultura simplemente observándoa a ela.
Maria e mais eu comunícamonos en castelán non por defecto senón por pragmatismo, pero chega o resto da súa vida ó meu arredor e se desenvolve en valenciá e eu (que moito me arrepinto de non telo aprendido ben) escoito, entendo todo o que din e contesto en castelán. Ás veces, nalgunha ocasión valente trato de dar cunha frase en valenciá para Maria. Cometo erros un montón de veces e nunca me fai sentir culpable ó respecto. Fixemos unha entrevista para ese monográfico que a burocracia nos permitira sacar xa pronto na que eu era a única que non sabía valenciá e puiden facer en valenciá algunha pregunta coa emoción do momento ou contestar con palabras xa aprendidas que me avergoñaba sacar a pasear por se as dicía mal. E foi precioso porque ninguén me fixo notar nada. As nosas situacións sociolingüísticas son ben de diferentes e iso levou a novos aprendizaxes e a novas comprensións. Novas oportunidades, tamén. Agora que Galicia estará máis presente espero que este siga sendo o espazo onde reflexionar sobre tantas cousas. Porque unha das cousas que Maria e mais eu temos en común é unha perspectiva moi cuir da sociolingüística.
Maria coñeceume sempre polo mesmo nome que me coñecedes vós, pero este proxecto e Maria (e un montón de cousas máis que non atañen a esta carta) déronme as forzas para atreverme a reclamalo en cada vez máis espazos. O sentimento de lexitimidade para corrixir a quen decida empregar outra forma, que non rexeito máis vén atada a lugares e circunstancias concretas.

Añadir comentario
Comentarios